Arquivos diarios: 25 Decembro 2007

25 de Nadal (sen gañar á lotería)

Estou no traballo, e quedando moi durmido. En dous días durmín pouco máis de 6 horas, e semella que non abondan en absoluto. É o que ten o Nadal! E que fixen? Basicamente, comer e volver comer.

Enganchei paparotadas bestiais dende o mércores até o sábado: o mércores, xantar de UFINET; o xoves, pincho de Getronics, cea de CIP no Alborada (que ben se come alí) e posterior festa no parque en Ferrol; o venres, recoller todo o de Ferrol para volver a Coruña, e pola noite cea de CIG, de novo no Alborada (distinto menú, distinta compaña, igual de festa!); e o sábado, celebración tardía do meu cumpreanos en Iñás coas miñas xentes, con grande éxito de crítica e público. Ese sábado cheguei á casa ás 8 da mañá. O domingo tamén saímos un pouco e me deitei non moi cedo, pois non tódolos días se ten oportunidade de tomar algo tranquilamente con Nuria e Aida, exiliadas traballadoras por esas terriñas de Deus. Continuando co luns, cea de Nadal, tras erguerme ás seis para ir currar (a xente na oficina marchou ás 12:00, afortunados eles e elas), unha tortilla ás presas para chegar á pachanga futboleira das 16.00 hrs na catedral do fútbol sala coruñés. Entre ensaio de cancións para a Misa da Galiña das 20.00, e a propia misa, non houbo tempo de aquelar a cabeza un pouco, así que para cando marchamos da casa dos meus padriños despois da cea (de novo, abundante abundante, como non podía ser doutro xeito) e de xogar un torneo de golf á Wii, que contra todo pronóstico remontei até a plata tras levar 6 hoios de cuarto… pois a esas horas xa era tarde outra vez, e só quedaba tempo para durmir tres horas antes de vir traballar. Non me podo queixar, agás polo sono que me leva o sentido de cando en vez. Todo isto que fixen estes días fíxeno querendo, e ademais paseino moi ben en todas e cada unha das ocasións.

E abonda xa de falar de min, volvamos un pouco ao rego. Que tal o voso Nadal? Como o levades? Tocouvos a lotería algún? Apetécevos un Mac por Nadal? Non toleei, non. Tampouco me vou pasar a esoutro lado (estiven a piques de dicir “o lado escuro”, case, case), é só que descubrín uns anuncios que me fixeron coña. Moi tópicos, pero en absoluto típicos. Velaquí un, e por acolá os demais.

Ah! Por certo, Bo Nadal a todos e todas!

Ogallá pasedes estas festas na compaña dos vosos: desfrutade e desfrutade, e se vos queda tempo, volvede a desfrutar da vosa xente. Que as vosas boas intencións deixen de selo e saibades convertilas en boas accións nestas datas tan propicias. Que os Reis vos coiden moito e ben, e que a fin de ano sexa, simplemente, unha promesa de novas posibilidades para todos.

PD: querería estar máis inspirado, pero non hai xeito…