Arquivos diarios: 27 Xaneiro 2008

26 de xaneiro + 1

Velaquí un post incomprensible…

Estiven onte cos únicos (creo, a xulgar polos comentarios dos meus posts) lectores, e aínda que por un lado lles gustaba o blog este sen sentidiño ningún, polo outro me criticaban por non actualizalo máis a miúdo. Recoñezo que cortar e pegar non é actualizar (perdoade o anterior post). Certo é que nestas vindeiras datas, ter un blog como este pódeme servir para me comunicar coa xente que hei ter lonxe, certo é. Mais non me fío eu das técnicas estas, e en xeral prefiro seguir falando cara a cara cos meus amigos e coñecidos. Comecei isto sen pretensións, e agora non sei como seguir!

Hei de recoñecer que me gustaba a idea de ter unha páxina en branco (de aí a sinxeleza do deseño) na que poñer ligazóns a outras cousas que me pareceran interesantes no mundo da informática, ou simplemente para falar de min, das miñas alegrías, das miñas inquedanzas, e do que eu quixera até onde as miñas ganas de privacidade me permitisen falar. Pero non vos son constante abondo, e cando me noto caer no mesmo que o resto do mundo (ver un exemplo), deixo de pensar cómo manter isto vivo. En internet hai demasiado, e un gran de area na praia non se ten por que dar máis aires que o gran que ten ao seu carón. Digo eu.

Sen embargo, quero falar para quen me queira escoitar, e escoitar e prestar voz a quen me guste e queira falar. Ai, as contradiccións de ser humano! Non quero que me riñades por non escribir. Por iso, animo a quen xa animei a que me boten unha man con este bloguiño sen sentido ningún, un fai o que pode, pero como dicía o Carmelo o outro día, “compartir é alegría”. Convidados quedades, xa coñecedes o meu correo. Só dicídemo, e pasaredes a formar parte deste sen-sentido. Dixen!

Para rematar, un cachifallo que aínda apenas chegou a España, e xa está dando moito que falar: o I-Phone (ou Eu-Fono, como dixo o Buenafuente). O comentario de hoxe, un programiña que convirte o teléfono en cuestión nunha guitarra. Si, si, unha guitarra…

 

E outra cousiña máis que atopei en Malaciencia (un blog que recomendo encarecidamente, tédelo aí á dereita…). Son algunhas das bases científicas reais para o problema de tódolos móbiles e portátiles: Baterías, pilas, e efecto memoria. Desfrutádeo e aproveitade as verdades que di.

Mañá, con sorte, máis. Un saúdo!