Ai, non, amiguiños, hoxe case non chego! A cousa foi que estiven tratando de recuperar os datos dun arquivo de access para un dos sitios onde estou traballando, e como todo o software nese sentido é de pago, pois hai que buscar a vía “piratilla”. Iso acaba por non ser bo, que metes a man para ver se atopas algo e a sacas chea de viruses e vermes e quen sabe qué máis.
E velaí, que iso foi o que me pasou. Estiven toda a tarde para recuperar o meu computador da invasión dun verme que non facía máis que bloquearme o antivirus (que listo estivo aí o condenado!) e reproducirse a esgalla. Pero un non traballa de informático por nada, e o meu kung-fu foi mellor que o seu. Gañei esta partida, e coideime de non volver a xogala, agora teño que dicir no traballo que se queren recuperar o .mdb, a pagar tocan.
Para cando puiden volver por aquí, vin isto, e me deron ganas de dedicarme a fozar no ordenador por fóra. Mañá hei de ir á aldea a fedellar nos cacharros que teño no meu taller (informático, por suposto), e se atopo as materias primas, só hei de seguir as instruccións…
