Houbo unha vez, soñei tres libros e pico. Deitárame sen sequera botarlle unha ollada ao libro co que argallaba daquela. Pero soñei tres libros e pico.
O primeiro, era curtiño, como para nenos. Contaba a historia dun rei moi bo, cun fillo gordo e outro delgado, e sobre como ao final todo estaba ben se cadaquén é coma é. Coido lembrar que era así.
O segundo deles era de ciencia ficción, de naves espaciais, batallas galácticas e alieníxenas disparatados. Realmente, ese non acababa ben, semellaba que formara parte dunha colección máis ampla. Esquecín bastantes partes da historia.
O pico foi entre o segundo e o terceiro, espertei con moita sede e me erguín a buscar un vaso de auga. Só sei que había peixes e outros animais mariños, coma nunha enciclopedia.
O ultimo tiña tapas cor de bronce… Agora que o penso, soñar, soñei algo, pero non me acorda que foi.
Total, que ao final, de tres libros e pico, só puiden escribir un hipercurto conto. ¡E aínda menos mal!