É curioso como o subconsciente/inconsciente lle gasta a un tan boas/malas pasadas.
Non vos pasou nunca? Iso de soñardes con xente que xa marchou, con persoas dun “antes” das vosas vidas, desas que hai moito que non vedes, coas que hai tempo e tempo que non falades? A min, si. Esta mesma noite, e hai unhas semanas, practicamente tódalas noites.
Non vos vou contar soño ningún, non vos preocupedes… Simplemente quería compartir con vós.
Para comezar, comparto a sorpresa de que as nosas cabeciñas sexan capaces de traer aos soños cousas que xa nin sabiamos que lembrabamos. O xesto particular daquela persoa que viamos tódolos días e nunca botamos en falta até que faltou. O xeito de rir daquel amigo, aquel riso que, sen sequera mirar, só con oílo, sabiamos de quen era. As mans grandes e fortes do avó que vos aprendeu a poñer un cravo ao facer a caseta daquel can coa orella rota. O olor daquela colonia nas camisas do teu pai no almorzo dos días de semana.
Para continuar, comparto a alegría de soñar todo iso e de súpeto decatarse de que as cousas xa non son así. Xa non sona nunca o riso daquel amigo; aquel compañeiro de clase xa non senta cabo de ti no bús; non sabes onde, pero nalgún sitio perdiches aqueloutra voz que tanto te gustaba escoitar ao outro lado do teléfono; ou te decatas de que, sen realmente saber a razón, hai mogollón de tempo que non conversas con esa irmá coa que tés pasado tantas horas falando. Pero soñas con todo iso que esqueceras e es feliz. E sabes que o perdiches, que marchou, que non o tés… Pero es feliz. E queres seguir soñando moito, moito rato.
Para rematar, comparto o odio que lle teño aos despertadores. Toda esa ledicia de recuperar en soños o que a túa memoria perdeu nalgures, se esvae co zunido do despertador. E te sintes estraño, aínda cun sorriso nos beizos, pero querendo volver a durmir e seguir lembrando… Ou coas gañas de comezar o día facendo iso que soñaches que xa nunca fas porque xa es maior, porque xa non pega, porque non deberías ou non podes… E sí, cun aquel no peito: unha renovada sensación de perda que o soño espertou en ti.
Así me erguín hoxe, entre contento e triste, con ese sentimento tan do noso, e tamén tan “humano”, que até exportamos a palabriña. Hoxe só quería dicircho (e o post remata coma comezou, nun círculo redondo, redondo)…
Hoxe, que saibas que teño morriña de ti.

Jo, ahora lo entiendo, llevas toda la semana durmiéndote porque tenías ganas de segir soñando… Bueno, el miércoles llega el merecido descanso, una semanita entera!!! Nos vemos por la tarde!!