Así é, benqueridos lectores e lectoras, onde queira que vos atopedes. Sabede que este humilde servidor rematou os seus días de descanso despois daquelas dúas semanas de currar sen a acostumada fin de semana no medio. E pareceume que tampouco estes catro días foron moi de descansar.
Non podo dicir moi a miúdo que me queixe por ter dous traballos… Agás esta semana. Escarallouse o servidor central da oficina onde estou de servicio técnico. Algo debeu pasar na fin de semana, porque a última vez que fora por alí non lle pasaba nada. O luns cheguei a deixar un pc ao que lle tivera que actualizar o sistema operativo, e me atopei con que o servidor estaba facendo cousas raras. Pobriño de min, intereseime por el. Como fago máis podendo sentar (e non era así na oficina), levei o servidor para a casa e alí me puxen con el. A tarde do luns paseina tratando de actualizar o sistema operativo cascado e volvendo atrás sobre os meus pasos. Tres veces. O martes desistín de todo intento de recuperación e estiven das 8’00 ás 22’00 particionando, formatando, instalando de cero, copiando, “mirrorizando” (toma new word!) co menos que amigable windows 2000 e a nai que fixo ao Bill Portas. Pero deixeino case listo. Outras 5 horas o mércores, para ter o servidor posto no seu sitio na oficina ás 14’00. Despois, e xa que estaba nesas, deume por configurar todo o parque de pc da oficina para acceder a eles por escritorio remoto (cousa que hoxe, que estou en Ferrol, agradecín enormemente). Saín da oficina arredor das 17’00, sen nada pendiente para dentro doutras dúas semanas… Espero.
E hoxe descansar, descansei. Non fixen ren. O fastidiado é que mañá de novo ao curro en Uficor. En turno de mañá… Pero para o xoves que vén, alomenos me vou dar unha alegría, que marchamos uns cantos a facer kayak polo Sil. Xa vos contarei, e se vexo que tal, poño até unha foto miña (que aínda non o fixen nunca, jeje).
Notaredes que o post de hoxe está a cabalo entre unha queixa e un desafogo. Que carallo! Tamén para iso teño un blog! (Non é que me exprese tan ben coma o /doutorpita, pero fago o que podo)
Saúdos e descanso para todos (os que poidades desfrutalo!)