Hoxe chegoume a Irimia desta quenda, e houbo un pequeno texto que me chamou a atención, e que reproduzo aquí para compartilo convosco… Que cadaquén pense o que queira. Diso se trata.
“É un fracaso, é unha m…”, laiábase un taekwondista español tras quedar en 5ª posición nos Xogos Olímpicos. “Dos quintos, ninguén se lembra, só dos que gañan medalla”. O espírito olímpico, onde o máis importante é participar, redúcese ao meramente retórico. O verdadeiramente importante é gañar, triunfar, imporse sobre os demais.
Temos que ser competitivos, queirámolo ou non, o mundo esíxenolo. É abraiante a oferta formativa a que podemos acceder para resaltar, para ter un plus que nos faga diferentes. Preocupámonos pola educación dos nosos fillos, buscando o que é bo para o seu desenvolvemento integral: que se o inglés, que se a informática, etc., enchemos o seu horario extraescolar, dándolles un pouquiño máis do que teñan os outros, ou polo menos o mesmo, para que non queden atrás. No libre mercado da competencia, que estean diante. E que entre o que lles gusta e o que ten saída, que opten polo segundo, porque para o outro xa haberá tempo.
No mundo non hai espazo para quen fracasa. Como moito, aparecen na sección de sucesos. Acabamos por asumir que non existe máis lóxica cá do mercado. Calquera outro sistema de valores é unha loucura.
vía a edición impresa da revista Irimia, nº771