Comeza o cuarto día de viaxe, a desfrutar por enteiro en Florencia, odiando aos mosquitos-tigre da habitación do hotel. A min, alomenos, machacáronme o brazo e a man, e estiven toda a noite dándome bofetadas e collejas. Cando puxen as lentes de contacto, descubro que non foi un, senón varios os mosquitos asasinos (iso significa que a algún o tiven que “eliminar”), os moi listos están pousados no teito e aí non lles chego. Pero ben, todo o cura madrugar un pouquiño menos, e un bo almorzo, por suposto. Incluso mellor que o do día anterior (malia que o panciño non fose fresco!), que este día me animei a coller iogur, e a marmelada era de cereixa. Pois nada, cun bo almorzo no estómago, e unhas cantas picadas nos brazos, alá saímos, directos cara a Piazza della Signoria, a ver á Venus. Imos logo!
Á Piazza della Signoria era a segunda vez que iamos, pois a tarde anterior tamén estivemos por alí, pero non fixemos moito. Vale, como dixo María, foi a segunda e a terceira vez que estivemos na Piazza, pois ao chegar por primeira vez esa mañá, decatámonos de que non colleramos as pilas que puxemos a cargar o día anterior, e non iamos poder sacar foto ningunha. Así que volvemos ao hotel e volvemos baixar, de novo (total, non había ser peor que subir ao Duomo!). Esta vez para ben, chegamos á Piazza della Signoria. Polo camiño para recoller as pilas ao hotel, agora que lembro, cruzamos cunha excursión da terceira idade que ía a pé camiño ás “atraccións turísticas”. O divertido foi adiantalos ao volver a baixar, sen ter chegado sequera ao noso destino. Si é que cando hai que aproveitar e ver moitas cousas, hai que se dar présa!
Na praza esta está o Palazzo Vecchio, que ten unha torre impresionante que destaca no perfil da cidade, e que foi, como máis edificios en Florencia, un palacio da familia Médici. Edificio bonito (un pouco “caixón” para o meu gusto), ten na súa fachada varias reproduccións de famosas estatuas de mármore: o David de Michelangelo, e o Hércules e Caco de Bandinelli. Tivemos a mala sorte de que estiveran de reformas, e as tiñan tapadas, pero se lles perdoa, que tiñan máis cousas que puidemos fotografiar! Por exemplo, un pouco máis aló, a fonte de Neptuno. Xusto ao ladiño está a Loggia della Signoria o dei Lanzi, un museo ao aire libre, con máis estatuas impresionantes. Alí volvemos ver unha representación do “rapto das sabinas”, esta vez de Giambologna, e tamén unha estatua dun Perseo que non lle gustou a María. Si lle gustou unha dun león, coa que sacamos unha foto.
Despois, e porque tamén está alí ao lado, entramos na Galeria Uffizi. Ben, quero dicir que despois de facer unha hora de cola, entramos na galería. Despois de non ter que agardar nadiña para entrar na galeria della Accademia o día anterior, fastidiounos ben tanta espera. Aínda por riba, para que ao entrar nos digan que non podemos facelo coa mochila que levabamos para a cámara (non se poden facer fotos dentro da galeria), as carteiras, o paraugas, as guías, e as chaquetas que nese momento non levabamos postas. Amigos meus, recoméndovos que viaxedes sempre cunha muller de recursos: María apañou para metelo todo no bolso, repartindo as cousas pequenas por petos de pantalóns e chaquetas, e como é muller, co bolso si que nos deixaron entrar. Así que nada, a subir dous pisos (as cousas de ver están no último piso) e a ver renacemento e renacemento. Salas e salas con cadros, estatuas, retablos… A cada cal máis bonita. Refírome ás salas, que eu de arte non che entendo nadiña. Impresionante como se coidaban os Médici, che! Que chans, que teitos, que portas! É que non sabes o que é de ver e o que non! Os corredores exteriores son espectaculares, e na parte estreita da U que fai o edificio, hai unha esquina dende a que se pode ver o Ponte Vecchio como na foto seguinte (xa, xa sei que non se poden sacar fotos, pero técnicamente non a sacamos á galería, non?). E tardou, pero alí estaban: o “nacemento de Venus” e a “primavera” de Botticelli. Ben bonitos, e enormes de grandes. Por comparación, non o puiden evitar, pensei no pequena que é a Mona Lisa!
Despois de saír da galeria dei Uffizi, pasando previamente pola tenda de agasallos (inevitablemente), era hora xa de cruzar o Arno. Ao grande, claro, polo Ponte Vecchio. E era xa hora de xantar! Buscando sitios onde mercar algo en condicións (tratando de fuxir dos lugares para turistas, máis caros que os da xente “autóctona”), chegamos á Igrexa do Santo Espírito e a praza que ten diante. Alí case sentamos a comer, pero só fixemos un par de fotos. Gustáranos máis un forno pequeno que había xusto despois de cruzar a ponte, así que volvimos sobre os nosos pasos, ou mellor dito sobre os de María, que eu coa fame xa andaba perdido! Collemos un par de focaccias, e fomos buscar o Palazzo Pitti, que seica andaba preto de alí, e era a seguinte visita programada. E así foi: chegamos, sentamos e comimos. E para non variar, tiramos un par de fotos. Onde antes dixen que o Palazzo Vecchio me parecía un pouco caixón, o Palazzo Pitti pareceumo completamente. Pero hai que recoñecer que onde hai, hai, e de onde non, non se pode sacar. E o Palazzo Pitti ten, sen dúbida. Malia o que queriamos ver de verdade eran os xardíns do palazzo, que eran de pago, mágoa! As fotos da guía que tiñamos daban a impresión de que son uns xardíns impresionantes, así que queda apuntado, para cando se volva a Florencia sen límite de gasto, jeje! Por certo, as focaccias, moi ricas.
De calquera xeito, polo mapa que tiñamos, a entrada aos xardíns era posible rodeando o palazzo, en teoría. Pouco quedaba xa por ver, así que o intentamos. Pero fallounos a intuición. A entrada que atopamos era a mesma que a dunha fortaleza que hai detrás dos xardíns do palazzo, e, claro, había que pagala. Non se pode desfrutar do xardín de gratis cando por dez euros podes ver o xardín e non-sei-que-máis. Si eu quería ver só o xardín! Deixémolo estar. O día estaba clarexando, e polo mapa, preto estabamos do Piazzale Michelangelo, onde hai outro David máis, este de bronce. Así que aló fumos. Antes diso, tivemos un deses particulares encontros entre turistas: cando ves xente camiñando cara ti con pinta de turistas, e os ves como que te queren preguntar algo que ti non sabes se sabes, e sen saber en que idioma cho van preguntar. Así, para responder a unha parella pola entrada que acababamos de deixar atrás, pasamos por tres idiomas (italiano, inglés e castelán) en apenas unhas frases. Todo moi divertido e moi internacional.
O importante é que despois dun bo rato de camiñar, e despois de subir un auténtico via crucis (literalmente), chegamos ao Piazzale Michelangelo, onde según a guía a vista é particularmente bonita ao solpor. E mira ti, que sae o sol xusto para que poidamos desfrutar desa vista! Ben sei que a foto dese momento que poño xa a puxo María, pero é que é tan chula… E dende alí arriba se ve toda Florencia: o Duomo, o Palazzo Vecchio, a Piazza della Republica, a Santa Croce, o ponte Vecchio, o Arno, e incluso a muralla que viñemos seguindo para chegar ao piazzale… Recoñezo que eu non as tiña todas comigo para chegar aló arriba, pero na miña defensa hei de dicir que foi porque a guía dicía que o aconsellable era subir en bus… Ja! Non coñecían a María e á súa forza de vontade! Fago referencia a esa forza, porque nas escaleiras de subida as outras forzas, súas e miñas, flaquearon!
Ao baixar, visitamos a Santa Croce, outra catedral enorme de grande, e moi do estilo do Duomo, pero pouco tempo, e sen entrar, porque xa estaba anoitecendo (eran arredor das 5 e media da tarde, jeje) e a estaban pechando. Na volta ao hotel paramos de novo en San Lorenzo a tomar un xelado, que a min me caeu eu tirei ao chan (pero foi sen querer, eh!). Foi cousa de quitarlle un pouco da parte que estivo en contacto coa pedra, e comer o resto, que un xelado italiano non se desperdicia! De novo, aproveitamos o día, sen dúbida. Así que un ratiño para descansar e ducharnos no hotel, e preparados para cear! Para darnos unha homenaxe, regresamos a cear ao sitio do día anterior, il Giardino di Barbano, que descubrimos que tiña incluso un xardín e un comedor meirande que no que estivemos o día anterior. E tomamos pizza, lasagna e tiramisù! Mmmmm!
E xa nada máis, que a espera na galeria uffizi, o paseo pola propia galeria e a subida ao piazzale nos deixaron malladiños! Mañá, viaxamos a Venecia!
PD: máis cousiñas sobre este mesmo día, no blog de María (e mira ti que ben, que fixen unha rima sen pensalo ren!)




Ciao raga! Come va?
Outra actualización im-presionante, de verdade que non sei cómo es quen de recordar tantas cousas! Ata puxeches o que habías almorzado! Sí que o pasamos ben en Florencia… foi unha pena cando marchamos, pero agardaba Venecia que foi todavía mellor! Moi chula a Logia della Signoria, e é verdade que non me gustou nada o Perseo, en xeral non desfruto coas esculturas realistas de xente decapitada con todo colgando… manías, xa se sabe, jej.
¡Qué ricas as focaccias dese día! Se tivese que escoller unha das comidas como a mellor penso que quedaría con esta, coa mozzarella, o tomate, xamonciño… ¡Qué rico! Todo xenial a verdade, non sei qué máis comentar porque contas ata os máis mínimos detalles.
Igual que dicía onte creo que o mellor sería repeti-la viaxe para perfeccionala ¿qué dis?
Bicos rapaz!