Arquivos diarios: 4 Decembro 2008

Diario de Viaxe (e XII)

E chegou o domingo de regreso… Tantos días, e a verdade xa teño gañas de durmir na miña camiña e de deixar de erguerme e ter que pensar onde estou. Pero o certo é que o pasei moi ben, e aínda queda todo o día de hoxe por diante. Até a noite non remata a viaxe, non nos adiantemos aos feitos…

Como dicía, é o último día, e o de recollida, por tanto. Os que o día anterior quedamos en baixar a almorzar ás dez, nos vemos todos no hall do hotel e quedamos alí mesmo a almorzar. 2’5 euros, e un almorzo sinxelo, pero mellor que o do día anterior. (Mirando agora para atrás, estou comprobando a moita importancia que lle dou ao almorzo, verdade?). Despois, ou antes, no caso das persoas máis apañadiñas, recollida nos cuartos e pago en recepción. Con iso, as maletas para os coches, e foto finish. O día acompañaba para facer unha foto no paseo marítimo, coa praia de fondo… e saíndo, claro, todos cos ollos a medio abrir polo sol que incide directamente nas retinas dos máis fotosensibles. E por tarde que fose, case todos estabamos fotosensibles. E nada máis en Santander, reparto equitativo por coches, gasoliña para o depósito e en marcha! Oviedo, here we go!

Sigue lendo