Arquivos diarios: 9 Febreiro 2009

Sequía

Hai momentos nos que manter un blog non é sinxelo, atópaste con que nin tés tempo, nin gañas, nin cousas das que falar, ou alomenos sen xeito de falar das cousas que queres contar a eses invisibles lectores que non o sabes, pero tés.

Eu estou nun deses momentos.

Estou sen tempos, porque dun xeito ou doutro, paso moitas horas diante dun ordenador, pero para facer outras cousas máis urxentes e productivas, que ao cabo un ten blog para falar e falar… ou non falar, como dicía o Manolo Rivas naquel poema que me regalou María. E cando toca non falar, o tempo mingua aínda máis buscando outras cousas nas que perderse.

Estou sen gañas, porque o que quero é ter por fin un tempo para min, libre de oficina, horarios e citas, e alomenos até o mércores non vai chegar ese momento. E porque teño gañas doutras cousas: que non me doa o xeonllo, marchar de viaxe, rematar os proxectos comezados… Sobre todo dalguén que teño lonxe,  e que nalgúns momentos me falta de verdade da boa.

E estou sen palabras. Teño por aquí uns seis ou sete apuntes do que vos quería contar dende hai un par de semanas, pero non me sae o xeito. Os que me coñecedes en persoa o sabedes ben: non adoito ter conversas particularmente lúcidas ou interesantes. Miña nai sempre di que todo mo gardo dentro (que un se pregunta como o sabe, se mo gardo será que só eu o sei, digo eu). Pois hai épocas, como agora, na que, especialmente, o tubiño que vai da parte do cerebro onde están as ideas a esoutra parte onde está a vea literaria, se atasca monumentalmente. E non sae nada de nada. Este post é unha clara proba disto que estou falando (ou é que acaso fostes quen de chegar até aquí sen vos durmir polo camiño?). 

Pero vaia, que o sigo intentando malia esta sequía mental. Gústame ter esta ventaniña por aquí, para compartir convosco cousiñas que penso ou atopo por aí. E non a vou pechar. Se tal, de cando en vez a arrimo, para manter a intriga… Polo de agora, só dicir que o sigo intentando. 

2653266910_f89fc8b1de_b