Por fin! Velaquí as primeiras liñas da crónica da viaxe que entre o 4 e o 14 de marzo me levou por terras inglesas e ligures! A cousa era facela coincidir coa fin da viaxe que se relataba no blog irmán deste… Ou debería dicir irmá! (Como excusa, é boa, que non?)
Pois o certo é que todo comezou bastante antes, tería que abrir o correo para ver cando foi que collemos o billete de ida (que a volta non estaba clara daquela, hehe), pero évos o que ten viaxar con Ryanair: para que saia ben de prezo, hai que pensar en viaxar con moita antelación; iso, e levar pouca equipaxe, vaias onde vaias e sen importar o tempo que vaias estar fóra. Pero como comezar por aí sería moi aburrido, que non vos quero facer durmir falando do lío que supón traballar a turnos, imos comezar polo mesmo día 4 de marzo. Vale, realmente non hai moito, nin o hai interesante, que dicir deste día, pero por algún sitio tiña que comezar… Ready to go?