Día 1: Arriving to London

Por fin! Velaquí as primeiras liñas da crónica da viaxe que entre o 4 e o 14 de marzo me levou por terras inglesas e ligures! A cousa era facela coincidir coa fin da viaxe que se relataba no blog irmán deste… Ou debería dicir irmá! (Como excusa, é boa, que non?)

Pois o certo é que todo comezou bastante antes, tería que abrir o correo para ver cando foi que collemos o billete de ida (que a volta non estaba clara daquela, hehe), pero évos o que ten viaxar con Ryanair: para que saia ben de prezo, hai que pensar en viaxar con moita antelación; iso, e levar pouca equipaxe, vaias onde vaias e sen importar o tempo que vaias estar fóra. Pero como comezar por aí sería moi aburrido, que non vos quero facer durmir falando do lío que supón traballar a turnos, imos comezar polo mesmo día 4 de marzo. Vale, realmente non hai moito, nin o hai interesante, que dicir deste día, pero por algún sitio tiña que comezar… Ready to go?

Comezo agradecendo á miña irmá que me levase a Lavacolla, xa van dúas, e parece que non o publiquei a vez anterior. Porque a verdade, a quen lle apetece ir a Santiago, co que chove polo camiño e o cara que é a peaxe? Graciñas, Ana! Do voo pouco teño que dicir, fumos por riba das nubes todo o tempo, e non puiden ver nada, mais cando baixabamos cara Londres, o día estaba despexadiño, e ata facía sol! Para que logo digan das néboas londinenses… Do que ninguén fala é do frío! Vaites co frío! Iso foi o que notei de primeiras, nada máis baixar do avión. O segundo que me fixo saber que estaba noutro país foi a viaxe en bus do aeroporto a Londres: que non van polo carril axeitado!!

O bus levoume até a estación de Stratford, e cinco minutos despois chegou José, un amigo de toda a vida que, xunto con Pablo, outro amigo de toda a vida (cantos anos hai do ano 85?), nos ían acoller a min e a María o tempo que estivesemos en Londres. Billete de metro, viaxe curtiña no DLR, e chegamos a Fairfield Road E3, número 85. O primeiro xantar, caseiro e londinense, estivo moi ben, había ben tempo que non comía con estes dous. Tivemos tempo para falar de todo o que tiñamos pendente por comentar dende a última ocasión. Incluso aínda que xantaramos á hora en que os ingleses case comezan a facer o té das cinco!

Despois amañamos na situación do salón, como só tres homes poderían facer, a cama hinchable que me pediron que lles levara para vindeiras visitas, e que iamos comezar a empregar un servidor e compañía, e José me levou a dar unha volta polo barrio de Tower Hamlets. Xa era de noite, así que non puidemos ver moito, pero xa se respiraba ese ambientiño londinense, de grande cidade, de multiculturalidade, de miles e miles de persoas vivindo nunha cidade que non agobia á vista. Despois do paseo, compra para cear ese día e almorzar os seguintes, e a buscar a María a Stratford, con paradiña na casa para comentar a cantidade de casas de apostas que vai no país!

london-y-zena-001-cocinillas

Alá fomos José e mais eu, e reencontro!, por fin agharraba con ganas a María, que levaba esperando desde que marchou despois de Nadal. Ao regresar a casa, previa obtención dunha tarxeta Oyster (Oíste, como dicían os emigrantes estes), xa Pablo tiña preparada a carne da cea, e logo de eu pelearme un pouco co microondas (cada día me perdo máis coas cousas que teñen botóns!), quentamos as fajitas, e a cear! Vale, ben sei que as fajitas non pegan moito para a primeira cea en Londres, quedando en casa de galegos… pero é que había pouco tempo, e de todos é sabido que o que se nos dá ben de verdade aos homes na cociña é… a pasta! E María viña de Génova, así que de pasta nin falar do peluquín!

Despois das fajitas veu o pastel de chocolate, para medio celebrar o cumpreanos de María, así que non houbo queixa por parte de ninguén. Era xa tarde, e ao día seguinte había que comezar a ver Londres, e José tiña que coller un voo para Santiago (e non, non o botamos da casa, malia que o pareza), así que todos a durmir!

Xa mañá contarei cousas máis interesantes para o público xeral, que seguramente non a todo o mundo lle interese o complicado que é atopar traballo en Londres, ou o caro dos pisos de alquiler na cidade. Nin sequera creo que lle interese a ninguén, aparte dos interesados, que nos supermercados hai cantidade de comida precocinada, pero enormemente variada, iso sí. Tampouco a ninguén lle interesará o bonitos que son, de noite incluso máis, os rañaceos da City que se ven dende o salón de José e Pablo (que aínda que os seus veciños o crean, non son parella… por se a alguén lle interesaba). Meu dito, meu feito: xa mañá falarei de cousas máis interesantes. See you tomorrow!

PD: Feliz 26!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.