Día 2: London Tower, South Wark, The City & St. Paul

Primeiro día na cidade, misión: Asalto á Torre de Londres.

Así comezamos o día María e máis eu, dispostos a ver o que puidesemos da zona da Torre de Londres, até que os pés ou o día nolo permitisen. E vaia se deu de sí o día… Despois de almorzar (dixen xa que en Londres teñen Nesquik de plátano?), baixamos con José no metro, alomenos unhas cantas paradas, porque el ía á facultade, a traballar un pouco antes de marchar para Galicia. Onte non o dixen, pero tamén é de agradecer a acollida que nos prestou o compañeiro, así que: Graciñas, José, por todo. Pola acollida en Stratford, polo paseo por Bow, polas guías de Londres (perdoa o do mapa, non atopamos celo con que amañalo… Sorry…), e por cedernos o seu cuarto mentres non estaba. Moitas gracias!!

Pois nada, despois de despedir a José, continuamos no metro até a Torre de Londres. Alí, a primeira foto oficial das vacacións, na nova cámara de María (o meu agasallo polo seu cumpreanos, hehe). O día, como vedes, típico londinense: malia que o solo ía e viña por momentos, facía un frío peludo.

london-y-zena-006-london-tower

Unha ducia de fotos despois, chegamos á parte da Torre que dá ao Támesis, e xa puidemos ver (ademais das evidentes construccións) tres cousas típicas da cidade: os corvos da Torre, con lectura da lenda incluída; a ponte da Torre, sen “levadura” da mesma; e os turistas, mooooitos turistas. Fotos, camiñata, máis fotos, e xa estabamos al otro lado del río (sen voz que chamase por nós :P), o South Wark agardaba para que María o retratase.

london-y-zena-029-tower-bridge

Por ese lado, o City Hall, a galería Hay’s, a Southwark Cathedral, o Borough Market… Este último sorprendeume gratamente, porque da primeira vez que estiven en Londres, un par de días (par=2) en Nadal hai 3 anos, só percibimos que todo é comida rápida ou precociñada.  Pero neste mercado descubrimos que hai tamén, e moita, comida natural, ¡e á xente gosta dela! E con tanta visión de comida, e fotos, of course, partimos na procura dun lugar onde mercar algo de comer, e onde ficar sentados, que o ceo comezaba a pingar. Conseguido despois de camiñar un pouco, hei de dicir que os bocatas sandwiches entran moi, pero que moi ben despois de patear por unhas cantas horas.

Xa comidos e contentos, pero aínda así, fríos (é o que ten xantar na rúa), nos diriximos ao punto polo que volveriamos cruzar ao lado cool de London: a Tate Modern Gallery. Como edificio, qué queredes que vos diga, é bastante feucho. Ten pinta de nave industrial, así co torreón cadrado no medio, que case semella unha cheminea. Que por dentro pode ser moi bonito… Ou non, dependendo de como valore cadaquén o arte moderno, claro. Nós non entramos, estabamos moi ocupados facendo fotos ao exterior, ao Millennium Bridge que está alí mesmo, e á cúpula da St. Paul’s Cathedral, que tamén se ve dende aló. Velaí un par de fotos disto último que vos digo.

london-y-zena-083-tate-modern london-y-zena-087-millennium-bridge

Para continuar, toda a zona da City e a Catedral: St. Paul, St. Batholomew, o Royal Exchange, o Bank Museum… Dixen que fixemos moitas fotos? Pois por toda esa zona, máis. Finalmente, para pechar o día chegamos, e non sen certa complicación (ás veces preciso tempo para pillar os mapas…), á City: a Torre 42, a Bishopsgate Tower, e o Gherkin de Norman Foster, máis coñecido coma “O Pepino”, e que tamén se vía dende o salón de José e Pablo. Claro está, xusto ao pé del, é bastante máis impresionante.

london-y-zena-132-gherkin

Abondaba de quilómetros e de fotos por hoxe, e regresamos cara Bow. Paradiña no supermercado para mercar a cea dese día e os seguintes, algo para facer ensalada para vindeiros xantares, e para Pablo&Jose’s Inn, a repoñer forzas. Nota: o chocolate tamén entra moi ben despois de ter camiñando algunha ducia de quilómetros por Londres. A cea, con María como anfitriona, deparounos uns spaguettis con verduriñas moi rico, moi rico. Co estómago cheo, a dormitar un pouco a cea, e para cama, que aínda quedan moitos días e moito Londres por ver. See you tomorrow!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.