Terceiro día completo en Londres, e sábado. Que facemos? Pois está clarísimo: ir ao mercado na rúa máis famoso da cidade, o de Portobello, distribuído por toda Portobello Road, en Notting Hill. E hoxe ademais nos acompañaba Pablo, antes de se volver tamén el a España, que lle entrara a morriña e aproveitou o que todos aproveitamos para viaxar: os baixos prezos dalgunha compañía aérea da que xa falei demasiado.
Aquilo é verdadeiramente digno de ver: véndese de todo, e en todos os formatos posibles… Que se alimentos, incluíndo pastas, pizzas, paella, queixos, peixe, vexetais de todas partes, chocolates e chuches!; antigüidades, con cámaras de fotos, soldadiños de chumbo, balóns de football (e o escribín ben), mapas antigos, roupa militar usada; música, incluso separando os postos segundo a música que venden; e roupa, por suposto, toooodo tipo de roupa. Vaia, que mellor vaiades e a ver se o contades mellor! Hoxe poño máis fotos do habitual para que vexades algo do que nós vimos… E cómpre dicir que non paramos en todos os postos, nin tampouco dimos chegado ao final, final da rúa… Que non nos daba tempo!!
Cando xa dimos por visto o mercado de Portobello, estivemos paseando un ratiño por Notting Hill e Kensington. Menudos barrios, colega! O de Notting Hill, igualiño que na peli: esas casas, eses xardíns, esas portas de cores… Incluso coido que vimos unha das tendas de guías de viaxe! (María explicoume que polo visto había dúas, a da peli, e a orixinal, na que se inspirou a primeira. Non sei cal foi a que nós vimos). Tanta comida vista no mercado notábase xa faltando no estómago, así que, para non variar, buscamos rapidamente un parque onde xantar. E alí estaban os Kensington Gardens! Aí nos tedes, a Pablo e a min, agardando a que María sentase para arramplar co xantar que trouxeramos da casa.
Logo de xantar, paseo polo Round Pound, o estanque do xardín. Nel, María soltou unha vez máis á fotógrafa de National Geographic que leva dentro, e coido que non quedou gaivota, pomba, cisne, pato ou corvo sen instantánea. I é que, claro, tanto paxaro xunto tiña que estar onde está a comida, e os turistas somos moi dados a tirar migas de pan con tal de xuntar un bo número de animais para a foto! A verdade, dá envexa os parques que teñen en Londres, tan grandes, tan abertos, tan limpos. I este era só un de tantos que hai!!
Fotos e máis fotos, aproveitamos que unha das saídas do parque dá ao auditorio Royal Albert Hall para nos facer algunha máis no Royal Albert Memorial, antes de ir directamente ao Museo de Ciencias, unha das últimas paradas importantes do día, e que nos recomendara José. E que dicir del… moooooola! Viaxes espaciais, máquinas de vapor, a historia dos inventos… Demasiados datos (e en inglés), para continuar sen un té ou un café para recuperar forzas. Pero non hai problema, alí mesmiño, dentro do museo, hai un bar-restaurante azul no que descansar a mente e aquelar o corpo.
Seguimos no museo polo último piso, onde teñen unha exposición interactiva chamada “Who am I?”, na que se repasa todo o que nos fai humanos e diferentes: a xenética, o xénero, os rasgos do corpo, as fobias, a intelixencia e a conciencia… Aí nos tedes, xogando como ananos ata que case pecharon o museo! Antes de marchar, e aquí lle teño que dar a razón a José, paramos na tenda do museo, porque verdadeiramente é outra parada obrigada. Non tanto por mercar, senón por ver canto xoguete científico hai, canto invento aparece, canta cousa bonita, che!
E aí, basicamente, rematou o día, pois marchamos do museo cando xa estaban pechando (na tenda nos dixeron que se queriamos mercar algo, o fixesemos axiña, que ían pechar), e ao chegar á casa ceamos e pouco máis, que o día foi canso abondo. Pero o regreso a casa si tivo historia… Resulta que nas fins de semana, o metro está de obras. Coincidiunos, mira ti que sorte, que xusto a liña que nos levaba do museo a Bow era unha desas que estaban pechadas. Pero nada, outro paseíño por Londres adiante (un tanto longo para o gusto do meu xeonllo lesionado e xa canso de tanto estar de pé) e marchando a outra parada de metro que si funcionase. Así, mira ti que ben nos saíu, vimos (aínda que fose só por fóra) o Museo de Historia Natural… que queda para a vindeira visita a Terras Inglesas. Dixen que tamén hoxe fixemos ducias de fotos? Non? Vaites, vaites, xa o recordarei mañá!
See you!!
