Todo o bo remata, e coas vacacións adoita pasar máis cedo que tarde… E con este tempiño noso en Londres, polo que se ve, non ía ser menos. Chegou o último (que nunca derradeiro) día en Londres. O último día completo, que os de viaxar non se contan, hehe. Así foi, que o aproveitamos para algunhas das cousas pendentes… Como por exemplo, non madrugar en absoluto!
En primeiro lugar, Hyde Park. Dende a esquiniña de arriba á dereita, no Speaker’s Corner, e baixando cara o lago. Aló arriba, ao comezo do paseo, está o Marble Arch, do que limos que estaba pensado que fora a entrada do palacio de Buckingham, pero no puido ser porque a Raíña non cabía por el. Vaia, non a Raíña en sí, senón o seu carro, claro.
Baixando cara o lago, no que, ao igual que o de Kensington Gardens, había bastante animal alado. E igualmente de varias e variadas clases. Pero primeiro, resucitando unha vez máis a vena National Geographic, María fixo un amigo no parque… Que chegamos a ter comida e o esquío vense con nós! Que a fotógrafa lle puido tomar unha foto de carné, xa vedes.
O certo é que non aguantamos moito tempo no parque, que ía bastante friaxe, e tiñamos aínda que preparar as maletas para a viaxe do día seguinte. Así foi que, malia que o verde lle acae a un moi ben nas fotos (María dixit), non fixemos moitas (para variar) alí no lago. Pode que as caras tirantes co frío vos dean unha idea do a gustiño que se estaba… Vai ser que non.
Último lugar por visitar desta volta: Harrods. Ben é certo que era máis por cumplir que por outra cousa, pero que nos pedides, buscabamos un destino asequible e agradable á vista, que non esixira moita concentración… E ir a uns grandes almacéns onde sabes positivamente que non vas mercar nada polo caro que é, é a escolla perfecta. Non pasamos da primeira planta, pero que primeira planta, che! Todo cheo de salas con cadansúa temática: a dos perfumes, a das xoias, a dos queixos e embutidos, a da comida do mundo, a das legumes e froitas, a dos chocolates e tés… A-lu-ci-nan-te.
Co metro e a cea en casa rematou o día. Pasamos previamente polo supermercado (un pouco baixo de existencias a esas horas, a verdade), para deixar algo provista a despensa dos nosos anfitrións, e coller de paso algún detalle para os seguintes anfitrións en Génova, pero a verdade é que o día xa non deu máis de sí (nin tampouco o pretendiamos, hehe).
Queda pendente por visitar, para a seguinte vez, o Canary Wharf, o Observatorio de Greenwich, o Museo de Historia Natural, o mercado de Candem Town… Cantas cousas! Vai haber que volver, alguén se apunta? See you!!




