E así foi, chegou o último día de estancia en Londres, e con el, o regreso en avión. Só que esta vez quen regresaba era María, que eu aínda continuaba as miñas vacacións de marzo…
Pouco se pode dicir dun día no que basicamente todo o que fixemos foi viaxar, e seguir viaxando: que se buses, trens, avións… Comezamos o día ben cediño, para que non nos pillara o tempo, pero practicamente xa coas maletas feitas. Recollemos a casa de Pablo e José, deixámolo todo limpiño, e alá marchamos a coller o DLR a Strattford. Só que non había DLR (e iso o soubemos xa cos billetes mercados!). Sen problema, consultamos alí na estación cun traballador do metro, quen nos indicou que había que coller o bus fóra da estación, que facía o mesmo percorrido.
Con certa preocupación vimos como marchaba, do outro lado da rúa, o bus que supostamente tiñamos que coller. Tan axiña coma puidemos, cruzamos a rúa, e, cunha crecente preocupación, agardamos polo bus seguinte. Cando o collemos notamos medrar a preocupación, pois o tráfico era bastante espeso, e mirando o reloxo soubemos que perderamos o bus que nos tiña que levar ao aeroporto.
Chegados a Strattford, agardamos pacientemente polo seguinte bus a Stansted. Arredor duns 40 minutos de tensa espera, e o bus que non chegaba á súa hora. Montamos, case con gañas de dicirlle ao buseiro que lle pisase a fondo, que quedabamos sen avión! Pero non. Chegamos aínda con tempo ao aeroporto… Ou iso pensabamos. Con présa fumos até as portas de embarque, previo paso polo control de equipaxes. Alí desfixéronlle a maleta a María, despois de agardar como un cuarto de hora por unha señora que ía diante de nós, que levaba tódalas xoias desperdigadas pola maleta. Cando digo que a desfixeron, foi tal e como soa. Por un bote de espuma para o pelo que levaba arriba de todo da maleta (e o levaba aí, xa sospeitando que non pasaría o control, para que o quitaran e listo), colleron a maleta e lle deron a volta, baleirando todo o que contiña. María pasara (igual ca min), case unha hora o día anterior colocando as cousas na maleta para que todo coubese no espacio que tiña que caber, case xogando ao tetris coa roupa. Así que xa suporedes a cara que nos quedou. E o avión que saía en breves.
Cruzamos Stansted correndo, porque, claro, era o día, e a porta de embarque estaba na outra esquina. Nin tempo a cambiar as libras sobrantes tivemos. E xusto na porta de embarque, unha de Ryanair que lle di a María que non pode levar o bolso fóra da maleta. O que faltaba! Como para seguir comentando a película. Cabreados, acelerados e cunhas gañas incribles de deixar o país, nos metemos no avión. Por sorte, o voo estivo ben, sen sobresaltos, e con vista dos Alpes incluída.
Chegamos á estación Centrale de Milán sen máis líos, afortunadamente, até o momento de ter que ir coller o tren. Por algún estraño azar do destino, o tren estaba retrasado 10 minutos e puidemos coller os billetes do que saía para Genova nos seguintes minutos. Pequena carreriña para subir á cabina, posto que o andén 22 estaba agochado alá, preto de Cuenca, e unha vez arriba, María (evidentemente tiña que ser ela, a miña memoria non dá para tanto) lembra que hai que convalidar os billetes. E a máquina máis cercana está no comezo do andén, que era dende onde tiveramos que correr para chegar ao tren. Pois alá sae cos billetes, veloz como unha centella, sen móbil, diñeiro nin chaqueta, a escasos minutos da partida do tren. Coido que este ano non me pode tocar a lotería, porque a debeu de posuír o espírito de Carl Lewis, e chegou a subir de novo ao tren, sen alento e cuns quilos de menos (destilados de pura preocupación). Finalmente, chegamos a Génova.
Aí si que xa non collemos o bus que queriamos, e houbo que agardar na estación a que chegara o seguinte, pero dentro do malo, estar tirados en Génova non era o peor de entre todo o que puido ter pasado ese día, e gracias a Deus, non pasou. Número 606, a vía Trento 14, por favor.
E gardo para min o recibimento na casa de María, que as cousas boas de verdade se as contas pode que non llo parezan tanto ao resto da xente. Pero para min, foi outra historia. ¡Que croquetas, mi madriña! ¡Quero repetir!
