E chegou o último día (desta ocasión) por terras italianas, é hora de regresar a Génova e aproveitar con María o tempo que me resta, desta volta, de vacacións. Como o día anterior nos quedaba tanto tempo dispoñible despois de rematar de ver Venecia, aproveitamos e fomos até a estación, a mirar os trens que había para Génova, pois tiñamos pensado marchar pola tarde, e chegar de noite, cando criamos que tardariamos máis por Venecia adiante. Escollemos un que saía pola mañá, nin moi cedo nin moi tarde, pero xusto para non poder xantar en ningures (agás no tren), e chegar con tempo a casa de María. E descubrimos gratamente que sacando os billetes anticipadamente, a viaxe nos era máis barata. Así que despois dun almorzo certamente copioso, collemos a maleta, e ao tren! Cinco horas de viaxe nos separaban do noso lugar de partida, cinco días atrás… E non me apetece nada falar deste día!
Chegamos, para non variar en nós, con bastante tempo á estación, e aproveitamos o rato para facer fotos “artísticas”, como esta de aquí arriba. Va que é guapa! E a foto tamén, verdade? Da viaxe, non hai moito que contar… Foi coma tódalas viaxes de volta: alegre e triste a un tempo. Alegre por todo o que viches e viviches, e triste porque nunca é abondo. E supuño que máis triste aínda (malia que ningún dos dous o quixeramos recoñecer) porque eu volvía ao día seguinte para Coruña, e a María aínda lle quedaban un mes e medio, máis ou menos, para volver tamén. Pero somos os dous persoas fortes de carácter (máis ela, hai que recoñecelo; eu só teño rautos), e fixemos a viaxe o máis agradable que puidemos, falando, sobre todo, de comida. I é que xa tiñamos planeada a cea: o aperitivi do Palazzo Ducale! A enchernos, a enchernos! Por suposto, fomos facendo memoria de todo o que comimos nestes días, entre pizzas, xelados e focaccias… E almorzos!! (é o que vos ten ter comido tan ben, e pasar a hora do xantar nun tren).
Lembro que tivemos que facer escala en Milán, a coller o enlace a Génova, e o tren ía xustiño, xustiño, con referencia ao seguinte, e inda por riba nos deixou no outro extremo da estación, ao final do andén (e a estación é verdadeiramente grande, ten uns 20 andéns). Unha carreriña a paso rápido, e despois xa directamente ao trote, e nos montamos no tren (eu abafando, de ter que tirar pola maleta… e por min mesmo!). Con tempo, claro, de decatarnos que non era necesario correr en absoluto. Chegados a Génova, parada no tabacchi para coller un billete de bus para min (deses que non se gastan nunca), porque perdera o meu no castelo d’Albertis sen chegar a empregalo, e para casa de María. Dsfacer a maleta dos dous, e reducila ás miñas cousas unicamente (e á comida que traia como agasallo para as respectivas familias), e un pequeno descanso antes de baixar a cear.
Evidentemente, deste día non temos máis fotos que estas que nos fixemos na estación de Venecia. Unha porque no tren non se sacan fotos (máis polo difícil que resulta que saian ben, que por calquera outra cousa), outra porque en Génova era de noite cando baixamos, e outra máis porque o primeiro que fixemos ao chegar a casa foi descargar as fotos da cámara no portátil de María (no que aínda eu tiña que facer mantemento informático que deixara pendente o primeiro día), e xa a deixamos gardada. Pero que conste que do aperitivi, tería sido gracioso gravar ou tomar fotos de como nos levantabamos unha… dúas… tres… e case catro veces a encher o plato do aperitivi, que moi grande non é, pero pode acumular a comida en varios pisos. Todo (e suliño o “todo”), polo prezo dunha coca-cola (de 5 euros, iso sí).
Ao volver arriba paseando, aínda estivemos un bo rato cos compañeiros de piso de María, que son moi boa xente, e aos que mando un saúdo dende aquí por recibirme e coidarme a moza tan ben como o están facendo. Juampi, que saibas que me estou viciando ao Pro! Fíxome ben gracia o de “lo volvió a hacer, lo volvió a hacer!”, jajaja! Pero había que durmir, que as viaxes (e comer coma porcos) cansan moito, e tiñamos que madrugar para eu poder coller o tren a Milán ao día seguinte. Oooooh!
Para rematar, unha foto e unha canción, na que penso ao ver a foto. No tren, de camiño a casa, aproveitamos para repasar a viaxe, discutir sobre como iamos facer cadaquén a crónica destes días de cidade en cidade, e tamén, claro, para sacar fotos bonitas (cousa que o movemento do tren non facía nada sinxela). coma esta… A min tamén me sacaron fotos, pero falabamos de fotos bonitas. A canción, que relaciono inevitablemente con viaxar, a da banda sonora de “Planeta finito“, aquel programa de La Sexta que vos recomendo encarecidamente, sequera só pola música! Así, coa foto de María no tren en marcha, e o comezo da canción, non se vos remove algo por dentro?
[audio:https://3w.miraunhacousa.es/wp-content/uploads/2008/11/youve-got-the-love-planeta-finito.mp3]

Ola rapaz! ¿qué tal?
Importante iso do último día desta ocasión visitando terras italianas, que saibas que teño en mente moitas máis viaxes: Siena, Pisa, Bologna… e fora de Italia hai que ir a Suiza e a Alemaña, que nunca estivemos! E sabes que Praga e Budapest están de sempre na miña lista… Xa din os tests do Facebook que o meu son as vacación de mochileira!
Non quero agobiarte, pero temos que facer todo isto antes de que chegue o verán, porque en xullo temos que ir a facer o camiño de Santiago, ¿xa empezaches a entrenar? jej.
Bueno, voltando á túa crónica do día, gústanme moito as fotos que fixeches ese día, sí que tes man como fotógrafo, aínda que o pulso te faiaba no tren. E menuda carreira que nos pegamos en Centrale, xa pensaba que tiñamos que agardar ó seguinte!
E da cea, o Palazzo Ducale está agardando por ti, que todavía non volvín dende que viñeches: pizza, pasta, tostas, ensaladas, patacas fritas, arroz… mmmmm, ¡cómo nos puxemos! sólo nos perdemos a macedonia, tiñamos que ter apurado máis ó comer!
Pois nada, como sempre falo máis nos comentarios que nas miñas actualizacións. Noraboa pola túa crónica, gañeite en tempo, pero tí gañaches sen dúbida en calidade.
Bicoooos!