Día 3: Trafalgar, Whitehall & Queen’s Walk

 Bufff! Este día sí que vimos cousas! Madrugamos un pouquiño máis que o día anterior, almorzamos, preparamos o xantar, e aló fomos, a coller o metro en dirección a Leicester Square. Alí, na praza, os teatros e as cabinas vermellas eran o principal. Coincidiunos en obras, mágoa, pero puidemos desfrutar da sana envexa de ver á xente facendo cola para coller as entradas dalgún dos moitos musicais que estaban en cartel. Con tempo e algunha libra máis, igual Billy Elliot formaba parte da viaxe… Quen sabe, se cadra na vindeira ocasión! Outro detalle máis: se algunha vez ides por alí, non deixedes de fixarvos nas pegadas de mans que hai no chan da praza, e comparade calquera delas coas de Sylvester Stallone, xa veredes que divertido.

london-y-zena-147-leicester-square 

Outra square no noso camiño: de Leicester a Trafalgar e tiro porque me toca. Outra parada obrigada se ides a Londres. E unha praza enorme, cunha columna enorme, e arriba de todo está Nelson, figura de importancia na batalla de Trafalgar… na que España perdeu, pero porque nos tocou ir con Francia, que se chega a ser a Armada Invencible… Coido que tampouco foi un bo exemplo. Deixémolo estar, sabiades que na praza tamén hai catro leóns cos que facerse fotos? E un par de fontes, e aló detrás, a National Gallery, un museo no que, desta vez, non entramos. Non sei se vos sona que algo famoso de Trafalgar Square son as pombas, e facerse fotos cun milleiro delas enriba porque veñen se lles dás de comer. Ben, pois agora iso último está prohibido, así que xa non hai moita pomba por alí.

london-y-zena-175-trafalgar-square 

Saíndo de Trafalgar, hai dúas posibilidades: ou ir hacia Saint James’s Park, ou hacia Westminster e o Parlamento. Calquera dos dous camiños comeza de xeito impresioante. O primeiro, coa arcada de entrada ao parque, o Admiralty Arch; e o segundo, coa avenida de Whitehall, cos seus memoriais da Segunda Guerra Mundial, a Horse Guards Parade (as cabaleirizas da Guardia), a entrada a Downing Street (onde reside o Primeiro Ministro do Reino Unido, e cheíña de cámaras, gardas e armas), e que remata no Parlamento. Esa segunda foi a que collemos nós, pero en lugar de chegar ao Parlamento, xiramos á dereita para ir primeiro á Abadía de Westminster. Bonita, bonita… alguén máis galego ca min diría que como a catedral de Compostela non che hai, pero é que por aí diante hai cada igrexa…

Sen chegar a entrar na Abbey, rodeámola e tiramos de novo cara ao Parliament. Máis fotos, máis fotos e máis fotos, e de alí xiramos de novo: en lugar de ir onda o Big Ben, optamos por Buckingham Palace. Polo camiño, e porque están detrás do Parlamento, paramos no Victoria Tower Gardens, onde descubrimos que en Londres hai quen come a ensalada de paquete do supermercado coma se fosen palomitas, así directamente da bolsa, e sen engadir máis ingredientes. Chamounos a atención, tiña que contalo aínda que non lle interese a ninguén!

london-y-zena-202-houses-of-parliament 

En Buckingham, foto ao Palacio. E collín eu a cámara, así que Buckingham saíu perdendo porque optei por outro monumento, e que guapa saíu María! A Raíña non estaba en casa, igual marchara a xantar, así que decidimos que tamén para nós era hora. Buscamos un banco en St. James’s Park que estivese ao sol, e dimos boa conta da ensalada que levabamos. Paseíño, café no parque e algunha foto National Geographic aos esquíos que se deixaron, e cruzando de novo pola Horse Guards Parade, baixamos outravolta por Whitehall, de camiño esta vez ao Big Ben, como se pode ver na imaxe, titulada: Big Ben & Little Carlos. Eu tiña que ter sido cómico…

london-y-zena-251-big-ben 

Seguimos a camiñata cruzando o Westminster Bridge para ir onde o London Eye, e para ter unha mellor vista do Big Ben e esoutro monumento favorito meu. Camiñamos xunta o Thames polo Queen’s Walk, cousa que vos recomendo particularmente logo de deixar atrás e á dereita o Acuario e o Museo do Cine, e á esquerda o London Eye (que si, será moi grande e moi chulo, pero non deixa de ser unha noria… e te tiras unha hora para dar unha volta!), á altura dos Jubilee Gardens. Está repleto de “personaxes”: que se mimos, que se paiasos, que se músicos… cada un máis particular que o anterior. 

london-y-zena-267-albert-embankment 

O día deixaba xa de ser día, e optamos por atopar unha estación de metro, e regresar a casa. Cruzando o Hungerford Bridge (será por Bridges e Squares, vaia), alí estaban Charing Cross e Enbankment. District Line até Bow Road, e de regreso en casa, cunha única idea para rematar ben o día na cabeza: Beer!! Convencimos a Pablo (non fixo falta moito) para que nos levase a algún pub, e alá fomos. 

Se o pub ao que fomos é característico, dicir que tiña unha idea equivocada dos pubs ingleses. Non da cervexa en sí, que salvo pola localización xeográfica é a mesma que podes tomar no Matthews (salvando as diferencias, claro), senón do estilo do local. Onde en España caberían tres mesas e xente moi amiga (aínda que sexa á forza), en Londres hai unha mesa, con espacio abondo para que a xente teña que berrar para escoitarse. Pero non berran! Están alí todos tranquilos, coas súas pintas, sen que haxa unha voz máis alta que outra, e sen que o camareiro (e hai unha recua grande deles) te veña a atender á mesa, por falar das primeiras impresións da noite.

Logo tivemos a “anécdota do pub”. Cando ves que a policía entra con total normalidade no pub, te preguntas se os dous negros enormes como armarios da entrada estaban de adorno, ou son para precisamente que a policía non vaia con gañas de traballar. Porque iso pasou: primeiro, un policía, e logo o compañeiro. En nadiña, outros catro máis, e outros dous un pouco máis tarde. Todo por unha panda que estaba alí ao fondo, que como o pub era tan grande (e falaban en inglés, vaaaale), non soubemos moi ben que dicían, nin sequera cal foi o problema. Pero case hai lío, incluso cos 8 polis alí! Iso deu a nota de color á velada, hehe. E non temos fotos diso, cache en diez! See you!!

london-y-zena-282-beers 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.