Día 5: Mayfair, Covent Garden & Soho

Hello there!

Antes de dicir nada, sinalar que co día de hoxe vou ter problemas para facer a crónica, porque basicamente foron paseos por rúas famosas, e as cousas do medio están un pouco emborronadas… porque nos choveu! Pero vaia, comecemos polo principio.

Seguindo as recomendacións de José e Pablo, non quixemos deixar Londres sen subir a un deses míticos autobuses vermellos de dous pisos, así que alá fomos: a liña nº8, entre Bow e Oxford Street… e facendo fotos na viaxe! Para que conste, a cousa era chegar a Oxford Street dun xeito máis… “superficial”, en lugar de facelo “sub-superficial” no metro, como todos os días anteriores. E a verdade é que a viaxe paga a pena: aí si que ves Londres, meu amigo! E a entrada na City… Im-presionante! O único que se lle podería obxectar é que é unha viaxe máis longa que a do metro, claro. Pero de vacacións, iso pouco importa!

A cousa era chegar ao centro, a Oxford Street, para dende alí movernos por varios destinos xa escollidos con antelación: o barrio de Mayfair, un dos barrios máis ricos de Londres (nótase porque hai cantidade de embaixadas!); a xoguetería Hamley’s e a Mac Store, como puntos clave da propia Oxford Street (das que vos deixo unha pequena galería de fotos); Regent Street, Carnaby Street, Covent Garden e o Soho. Pero, de novo, vaiamos por partes.

london-y-zena-399-hamleys london-y-zena-402-hamleys

london-y-zena-404-hamleys london-y-zena-406-hamleys london-y-zena-405-hamleys

En canto a Mayfair (e ao resto, a verdade), dicir que era domingo, e non se vía moita vida precisamente, pero como dixen, é unha zona cara e de prestixio, moitas embaixadas teñen alí a súa sede, e só tés que mirar os edificios para saber que o aluguer non é precisamente asequible. Pero evidentemente, é unha zona ben bonita. En canto ao momento tendas, dicir que o de Hamley’s ten mérito: é unha xoguetería de 5 pisos, cunha planta só de peluches, un rincón de xogos de enxeño, o piso das nenas (con Ken e Barbie reais incluídos!), unha tenda de chuches… O que máis nos chamou a atención aos dous (pois a cadaquén lle chamou unha cousa: a min o de star wars, a María as cousas de casa de bonecas) foi a parte de coleccionismo: varitas de Harry Potter, látigos de Indiana Jones, espadas do Señor dos Aneis… A precios moi, moi reais (e altos!).

Tratando de ir cara Carnaby Street, sorprendeunos a chuvia. Coma estranxeiros, empapámonos (e moito) buscando un sitio onde, aproveitando a situación, puidesemos comer ao abeiro dun teito protector. O erro foi non agardar debaixo dalgún teito protector antes de mollarnos, porque polo visto, os chaparróns londinenses duran cousa de minutos. Ou alomenos iso parecía cando, sentados xa nun McDonald’s cos nosos bocatas (da casa, hehehe), a xente que seguía entrando ía bastante máis seca ca nós. En fin… despois de xantar, á Mac Store, a tocar e entrar en Facebook nos iMac, iPhone ou iPod que teñen alí (porque hai tendas que sí abren os domingos), alomenos nos que non estaban ocupados!

london-y-zena-412-mac-store

Carnaby Street e o Soho, o famoso Soho londinense foron a seguinte parada na ruta deste día. Cantidade de roupa, e como falando de roupa, para gustos hai cores, non vou engadir máis: quen queira saber del, a Londres! Dicir, unicamente, que é un barrio moi chulo para pasear e ir de escaparate en escaparate. E variedade hai un bo rato. Next!

O mercado de Covent Garden é un sitio tamén moi bonito, con moito encanto, e por iso, moito turista. Había músicos tocando na rúa, postos de xoiería ao por menor no propio mercado, tendas de café e camisetas, e todo na súa xusta medida. De alí, e porque era domingo e xa estaba todo a pechar, nos fumos retirando cara a casa: o Royal Opera House, a Somerset House, as Law Courts e o Temple eran as zonas por ver. E velo por fóra e sacar algunha ducia de fotos é sinxelo. Sobre todo o Temple, que estaba completa e irremisiblemente pechado: a igrexa, os pubs, e até a estación de metro dende a que queriamos coller transporte cara Bow!

london-y-zena-417-carnaby-street

Bastante cansos de ter os pés mollados durante todo o día, buscamos a estación de metro máis cercana, e volvimos a casa, con gañas de descansar, cear algo, e sobre todo, entrar en calor. Que, por se non o dixen, en Londres a certas horas vai un frío de mil pares de… ingleses! E que ben entra unha tortilla nestes momentos!! Porque este día fixemos, con materias primas foráneas, un prato da terriña (da nosa, quero dicir), unha tortilla de patata, da que non quedou nin o rastro! Ole esa María cociñeira! (E ese Carlos pinche, hehehe)

See you!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.