Nalgún blog destes que de vez en cando olleo, están agora cunha diatriba importante en canto á nova xeración do xornalismo. Coa chegada das novas tecnoloxías, da información en tempo real, dos centos de canles a través dos que acadar a última hora en calquera parte do mundo, semella que o xornalismo dos periódicos diarios, dos telexornais das 14.00 e as 21.00, e da radio informativa quedou desfasado.
Ben é certo que sorprende que nos telexornais se fagan pausas para publicidade, por exemplo, para poder facer rentable un producto que xa non vende como antes. Pensade senón nas ducias de canais de televisión, de puro entretemento, e na reducida proporción de canais informativos que existen. Tamén sorprende que sigan saíndo xornalistas das facultades, aínda que iso é inevitable, posto que a demanda permanece, e agora con máis sentido: hai máis posibilidades de informar, posto que hai moitas máis plataformas desde as que facelo.
Pero o que máis sorprende é o tipo de investigación xornalística que se fai. Don Gúguel sábeo todo. Dese xeito, poida que o rigor informativo, e a opinión respectuosa e crítica da realidade se vexa en certo modo comprometida polas influencias alleas. Que non digo que a investigación se reduza a internet, ollo, pero coido que sí é un punto de partida. Alomenos para esa “última hora” de trepidante actualidade.
En fin, desvaríos de domingo despois de ler un xornal impreso. Que aínda me gusta a min iso de facer malabares coas follas como sabas do xornal. Pero é que ás veces, vas e les cousas que chirrían co que coñeces e te parece válido. E para iso teño blog.