Ou do demo…
via | Dosis Diarias
E tal foi así, que xa rematou xuño. Neste mes que non escribo, pasaron unhas cantas cousas, unhas aburridas, outras para lembrar, e outras largamente desexadas e esperadas. A cousa é que xa pasaron todas, así que tampouco hai por que mencionalas moito máis do que o faga agora, non? (E así tampouco teño que facer memoria, jeje)
As aburridas: os días de estudio pechado na cova, preparando o que espero sexa o derradeiro exame da carreira; os turnos no chollo, que aínda que non parei foron tan “nutritivos” coma case sempre, nestes últimos tempos…
As de lembrar: un San Xoán máis (distinto pola churrascada compartida con outros parientes da “familia salesiana”), a cea improvisada en casa de Lucía (eu só ía a entregar unhas postais de Génova, e acabei tomando unhas empanadillas de queixo ben ricas), a sudadeira de Nyeri no día da súa sardiñada (canto pode chegar a apetecer o monte, de cando en vez!)…
As largamente desexadas e esperadas: o 29 de xuño! Por dous motivos ben distintos: foi a data do exame de electrónica, por unha banda, e pola outra… María volveu a Coruña! E coido que con iso se di todo, así que…
Pero vale, recoñezo que non é un bo xeito de volver a comezar a postear aquí… Voume armar de post-it para tomar notas para recomezar co traballo por aquí. Comezamos!! (ben, agora marcho a durmir, que estou de turno de noites e xa me toca ir para cama, que levo case 24 horas seguidas en pé, espero que non vos moleste…)
Así é, comeza o mes máis estresante do ano. Adoita ser o mes do solete, do San Xoan, do comezo das vacacións (para case todos, non me refiro só aos estudiantes). Pero para min, dende hai tempo é o mes estresante por excelencia. Por todo iso de antes, precisamente, e porque nese solete e esa época de “fin de curso” coinciden os exames finais, as preparacións dos campamentos, a organización das vacacións, e o fin dos horarios de pasear e tomar algo (pois agora toca ir á praia, claro!).
Por todo ese estrés, velaquí algo para alivialo. E coido que o vou deixar permanente, por se me pilla un día de necesidade!
PD: Esta era a que che ía dedicar o outro día, pero non cuadrou ben. Agora, co comezo do mes “final”, aquí cha deixo, todiña para ti.
Pensando onte ao escribir a nota do día do Orgullo Friki, pensei irremediable e irremisiblemente en que cousas me definirían a min para ser friki. Si, que cousas ten o pensamento! Entre comics, ordenadores e libros de ciencia ficción, pensei na música que me gusta.
Non se pode dicir que o rock que me vai (Queen, Bruce Springsteen, M-Clan, Fito…) sexa moi friki, pero mira ti que acordei en que o primeiro CD que tiven foi de Mike Oldfield. Pode que moi friki non sexa, pero tampouco se pode dicir que sexa moi normal, non? A cantos dos presentes lles gusta a música de Mike Oldfield? Vaaaale, máis dos que pensaba. Cantos tedes máis de 15 discos seus? Xa me parecía que non erades tantos… Se cadra algúns só o coñecedes porque tocou despois de The Corrs, naquel concerto da Fin do Milenio, o 31 de xullo de 1999 en Santa Cruz. Sí, aquel do que non se sabe a ciencia certa cantas persoas había, se 100 ou 50.000. Eu era un, hehe! Por certo, digan o que digan, o tipo é un bo guitarrista, aínda que só sexa no seu estilo. Hei de confesar que desde Tr3s Lunas lle perdín un pouco a pista, coido que se lle foi a pinza cantidade, e deixou de gustarme. Así volvín ao rock, e como agora ando medio metido no soul, pois non dei regresado a Mike.
Pois nada, velaquí outra cousa que aprendedes de min! Como xa teño unha categoría de cousas frikis no blog, e outra de música, pois que non se diga, imos poñer unha canción de Mike Oldfield que me gusta bastante (e hai unhas cantas así), e deixamos a frikeza para outro momento. A canción titúlase The Bell, e é do disco Tubular Bells II. Polo visto hai como 5 ou 6 versións diferentes, variando os instrumentos presentados e o presentador dos mesmos. Déixovos aquí a do disco que eu teño, e se iso outro día sigo poñendo cancións deste tipo. Polo de agora, desfrutade destes máis de 6 minutos a toda caña, que é como se disfruta, e tratade de diferenciar os instrumentos na melodía.
[audio:https://3w.miraunhacousa.es/wp-content/uploads/2009/05/07-the-bell.mp3]
Acábome de enterar de que onte foi o día do Orgullo Friki (páxina na wikipedia, como non podía ser doutro xeito). Que me acabe de enterar debería darvos unha idea do friki que son… Por se alguén cre de min máis do que son, hehe. Polo visto, o tema este do orgullo friki celebrouse por primeira vez o 25 de maio de 2006, coincidindo coa estrea da película Star Wars: Unha Nova Esperanza. Ademais, polo visto coincide co Día da Toalla, que non sabía nin que existira.
Vale que para todo teña que haber un día, coido que non está de máis que de cando en vez paremos a pensar nalgunhas cousas, aínda que só sexa un día ao ano. Que conste que a min me lembran moitísimo a aqueles bos días temáticos que tiña cando era pequeno no colexio. Por certo, un dos maiores inconvenientes que lle vía a toda esta axenda de días internacionais e días de orgullo e etc., a dificultade de lembrar cando son, xa non é tanta, a dicir verdade, co estendidos que están agora os calendarios online, con todo isto do facebook, o windows live e demais alternativas en Mac e Linux.
Esperemos que non nos superen todos estas axendas internacionais, e que sexamos quen de lembrar que frikis somos sempre… e estamos orgullosos sempre!
http://www.youtube.com/watch?v=jqLPHrCQr2I
PD: O Día da Toalla, por se volo preguntabades, tamén ten páxina na wikipedia. Ven da Guía do Autoestopista Galáctico, de Douglas Adams. Celébrase dende 2001, pois se convocou por primeira vez dúas semanas despois da morte do escritor da Guía.