Aquí está, xa chegou, de novo un 10 de decembro. O primeiro día que estiven nesta rocha chamada planeta Terra. E con este, van 28. Sempre pensei que os anos son para cumprilos, e despois olvidar cantos tés, total, telos só ocupa espacio!
Pois nada, que aquí estou. Aquí sigo, e coido que xa é dicir bastante. Ogallá siga sendo feliz, e que todas esas personiñas que me fixeron e que me fan ser quen son sigan por aí. O bo que ten o Nadal é que, por unhas ou por outras, a xente que está lonxe, volve a casa. E nacer tan preto do Nadal provoca inevitablemente que non poidas botar moito de menos á xente que sabes que vas ver en moi pouquiño tempo. Ben é certo que tamén botas moitísimo máis de menos á que te falta. De calquera xeito, coido que o “equilibrio” é posible.
Gústame o meu cumpreanos, e ogallá que, esteades onde esteades, ás 14:59 (que coincide estupendamente co xantar/postre) ergades a vosa copa e brindedes á miña saúde. Eu hei pensar en vós, en todos e cada un/unha de vós!
Velaí outro 10 de decembro, hai 22 anos (ano 1986). En casa dos avós, en Arzobispo Xelmírez 16, 2º. Encantábame aquela casa, esa mesa e esas sillas… E eu sentado na cabeza, o sitio do meu avó, así que el seguramente xa marchara a Iñás, ou estaría descansando o xantar na sala. Como vedes, tarta feita na casa, e celebrándoo comigo, as miñas irmás e curmáns (os que había daquela!). Encántame o meu cumpreanos! (Nota: o champán, como vedes, está lonxe de nós, aí ao lado do café. Iso significa que todos os “maiores” estaban por alí, celebrando tamén. Espero que os que faltan tamén hoxe o celebren comigo!)



