Arquivo da categoría: De todo un pouco

9 de decembro (día -1)

Por manter certa simetría, e porque así coincidiu, hoxe estou actualizando ás 20:20. E volvo a estar no traballo. Non é que haxa moitas cousas que facer, é fin de semana, e agora mesmo estou eu só aquí no edificio. Xa me fartei de estudiar (aínda seguirei un pouco máis, un pouco máis tarde), e da serie que estaba vendo se me acabaron os capítulos online. Podedes probar a vela, ten certa gracia. Chámase “The IT Crowd”, e a traducción ao español que lle fixeron é “Los informáticos”. E dito isto, supuño que non hei de seguir dicindo máis.

Hoxe escribo para anunciar que mañá, a iso das 14:59 hrs fará 27 anos que estou por esta cidade. Estades todos convidados a erguer o voso vaso no xantar, e brindar á miña saúde. Hai que ver, 27 anos xa. E a verdade, non sei onde están, que tódolos 10 de decembro ben sei cantos teño, pero despois non sei onde os gardo, que cando os quero buscar nunca os atopo. Iso, mañá xa levo 27. As miñas orellas vos convidan a 27 toques cariñosos, e o meu peto di que noutro momento quedamos e xa falaremos.

Despois deste momento do que no mundiño este dos blogs chaman “egolog” (todos temos dereito ao noso post de exaltación persoal), déixovos cun vídeo que me leva a tempos antigos, de cando subía e baixaba á facultade en bus… De cando empregaba o bus, realmente. Aqueles cacharros vermellos, cos asentos como de madeira (que madeira madeira non era, pero lle facía o aquel), subindo pola Zapateira arriba, máis que nada por seguir a rota, que máis xente non daban collido… Aquel día que o bus non deu subido o esforzo final, e dentro comezou a cheirar a goma queimada… Os setenta ou oitenta estudiantes que alí iamos mirandonos uns aos outros con cara de circunstancias… Ai! Que tempos aqueles! Ben, aquí volo deixo: o gañador de “El Rey de la comedia”, de la Primera de TVE. Cortesía, de novo, de sly_losGuays.

8 de decembro (día -2)

Son as 8:20 da mañá, e estou no curro (podedes ver fotos do meu posto de traballo nesta páxina). Agora mesmo non me dá o coco para chapar para o exame do venres, aínda, e como lles prometín ás cinco persoas que coñecen a dirección desta páxina, velaquí o vídeo dos fotolog, que fala do que nunca será este 3w.miraunhacousa.es, o meu bloguiño sen pretensións.

O vídeo en cuestión, agradecendo a fonte de tal despropósito, atopeino no foro da miña panda de toda a vida (sly los guays, mais o sentimos, as invitacións están todas repartidas). De onde o sacaron para colgalo alí, nin mo preguntedes. A min fíxome gracia, e xa sei que moi respetuoso non é, pero realmente di bastantes verdades dun xeito crítico (e moi pouco constructivo). Que non se me ofenda ningún dos amigos ou irmás con fotolog no seu haber. Das veces que vos lin, sabede que os vosos me pareceron flogs con sentidiño… Aínda que tampouco adoito ler blogs/flogs… O certo é que non sei que fago escribindo un… Caca! Non se pode dubidar dun proxecto o segundo día! Nada, non me lío máis, que se non lle boto o candado ao bloguiño hoxe mesmo.

Nada máis por hoxe, seguiremos informando… Iso creo… (mais nunca na liña que expresa este vídeo)

http://www.youtube.com/watch?v=qjV3NmbpGNo

Ola mundo!

Hoxe comeza, aínda con pasos incertos, este blog. Faino coa típica proba informática, o “ola mundo!“, como non podía ser doutro xeito. Vai ser un blog sen pretensión ningunha, só ser un “diario, pero sen candado”, das cousas que me fan gracia, me interesan, ou queira comunicar. Para iso está internete, non? Non vai ter nin ritmo de actualización, nin data de caducidade, nin esixencias mínimas (agás o respecto e un pouco de sentidiño común), o que teña que ser, será.

Xa falaremos…

Un saúdo!