Arquivos do autor: carlos

Volvín… pero estou enfermiño!

Gústame este blog, xa falei o outro día del. Será a miña faceta de educador en Abeiro, que sei eu. Será que simplemente me gustan esas persoíñas en miniatura, o seu xeito de ver o mundo, de compartir o que pensan. Visitádeo, xa me contaredes (acabo de vir del, e parece estropeado; intentade visitalo cando se repoña).

Hoxe non me estenderei moito, estou en Ferrol, vai un frío de morte (de verdade, coido que os paxaros do parque de aquí ao lado non cantan porque morreron todos; quedarían “pajaritos”, hehehe -chiste malo, é o meu blog e fago o que queira-)… E estou enfermo. Teño unha tos que non podo con ela e o meu nariz parece un surtidor gratuíto, Fran, a ver que me podes dar que sexa bo para isto.

Nada, hoxe só dicir que volvín, que este blog non morre, e que como non sei de que falar, e xa que estou de vacacións e libre de mirar a informática con ollos obrigados, eis van dúas novas doutro blog que me gusta, abadia digital.com. Unha, sobre o cumpreanos do básico para todo informático: o transistor. Sen ese trebello non hai informática que valla. Sabiades que nun procesador actual, un pentium ou amd calquera, hai centos de millóns deses condenados cousos? Celebremos,pois, esoutra data tan sinalada: os 60 anos do transistor.

E a outra nova, sobre windows, máis de coña que outra cousa, como non podía ser doutro xeito neste tan particular sistema operativo. A alguén con moito tempo libre lle deu por recompilar os erros estúpidos que pode xenerar o sistema operativo do bo do Bill.  Eis tendes algúns… (Aconsellado un nivel mínimo de inglés lido)

Para rematar, música…

10 de decembro!!

Anque moitas cousas pasaron un dez de decembro, para min, hoxe, é o meu cumpreanos. 27 nada máis. Tampouco os levo tan mal, non?

Grazas a todos e todas os que vos lembrastes de min e atopastes un ratiño para me dedicardes… María, Nuria, Aida, Lucía, Jesús (foi o primeiro!), María e Ana, Carlos Lei, Dani, Fran Pi, Xabi Carrajo, Xabi Blanco, Sabela, Anxo, David Sánchez, Belén, Asun, María (de novo)… Grazas tamén aos que non atopastes un rato, e aínda así vos lembrastes (dígoo en serio, non é en absoluto reproche ningún).

E que fixen hoxe? Erguerme ás 5 e pouco, para vir dende Ferrol a traballar; traballar de 7 a 3; abrir a porta de casa para atopar á miña nai e a miña irmá María coa tarta e as velas (en número, que se cadra non daban tantas velas para tan pouca tarta); xantar en compaña da miña mamá, que me esperou por ser hoxe o día que é; e descansar!! (Deixei, por iso, para mañá algúns recados e tarefas que programara na miña axenda. Ben o merezo, que non tódolos días estou de cumpreanos; xa me perdoei e asignei a penitencia axeitada). Dixen xa que me erguín ás 5 da mañá? Tiña algo de sono…

E isto, porque onte estiven investigando blogues en galego e o atopei. Vía o blog dos pelachos:

A bisavoa María morreu hai dúas semanas aos 99 anos. Creo que viviu feliz toda a vida e non podo imaxinar que algunha vez tivese algún mal pensamento para ninguén. Foise apagando ao longo dunns pouquiños meses como unha candea que un ar de orixe incerta acaba por extinguir. Nunca estivo enferma e até hai ben poucos anos aínda ía a compra e facía a comida para todos os da casa.

Hai poucos días o primo Pedro, de cinco anos, preguntoulle á súa avoa, filla da avoa María:

-¿Y la abuela se murió de verdad?

-Sí, neniño.

-¿Y ya no vamos a verla nunca más? ¿No va a volver?

-No, neniño, ahora está en el cielo.

Entón o primo Pepe, de once, que tamén andaba por alí, engadiu todo contento:

-¡Qué contento debe de estar el abuelo después de tanto tiempo sin verla!

PD: Grazas mil, María, por ser a primeira en participares. E Fran, grazas por pedir actualización. Eis a tés.

9 de decembro (día -1)

Por manter certa simetría, e porque así coincidiu, hoxe estou actualizando ás 20:20. E volvo a estar no traballo. Non é que haxa moitas cousas que facer, é fin de semana, e agora mesmo estou eu só aquí no edificio. Xa me fartei de estudiar (aínda seguirei un pouco máis, un pouco máis tarde), e da serie que estaba vendo se me acabaron os capítulos online. Podedes probar a vela, ten certa gracia. Chámase “The IT Crowd”, e a traducción ao español que lle fixeron é “Los informáticos”. E dito isto, supuño que non hei de seguir dicindo máis.

Hoxe escribo para anunciar que mañá, a iso das 14:59 hrs fará 27 anos que estou por esta cidade. Estades todos convidados a erguer o voso vaso no xantar, e brindar á miña saúde. Hai que ver, 27 anos xa. E a verdade, non sei onde están, que tódolos 10 de decembro ben sei cantos teño, pero despois non sei onde os gardo, que cando os quero buscar nunca os atopo. Iso, mañá xa levo 27. As miñas orellas vos convidan a 27 toques cariñosos, e o meu peto di que noutro momento quedamos e xa falaremos.

Despois deste momento do que no mundiño este dos blogs chaman “egolog” (todos temos dereito ao noso post de exaltación persoal), déixovos cun vídeo que me leva a tempos antigos, de cando subía e baixaba á facultade en bus… De cando empregaba o bus, realmente. Aqueles cacharros vermellos, cos asentos como de madeira (que madeira madeira non era, pero lle facía o aquel), subindo pola Zapateira arriba, máis que nada por seguir a rota, que máis xente non daban collido… Aquel día que o bus non deu subido o esforzo final, e dentro comezou a cheirar a goma queimada… Os setenta ou oitenta estudiantes que alí iamos mirandonos uns aos outros con cara de circunstancias… Ai! Que tempos aqueles! Ben, aquí volo deixo: o gañador de “El Rey de la comedia”, de la Primera de TVE. Cortesía, de novo, de sly_losGuays.

8 de decembro (día -2)

Son as 8:20 da mañá, e estou no curro (podedes ver fotos do meu posto de traballo nesta páxina). Agora mesmo non me dá o coco para chapar para o exame do venres, aínda, e como lles prometín ás cinco persoas que coñecen a dirección desta páxina, velaquí o vídeo dos fotolog, que fala do que nunca será este 3w.miraunhacousa.es, o meu bloguiño sen pretensións.

O vídeo en cuestión, agradecendo a fonte de tal despropósito, atopeino no foro da miña panda de toda a vida (sly los guays, mais o sentimos, as invitacións están todas repartidas). De onde o sacaron para colgalo alí, nin mo preguntedes. A min fíxome gracia, e xa sei que moi respetuoso non é, pero realmente di bastantes verdades dun xeito crítico (e moi pouco constructivo). Que non se me ofenda ningún dos amigos ou irmás con fotolog no seu haber. Das veces que vos lin, sabede que os vosos me pareceron flogs con sentidiño… Aínda que tampouco adoito ler blogs/flogs… O certo é que non sei que fago escribindo un… Caca! Non se pode dubidar dun proxecto o segundo día! Nada, non me lío máis, que se non lle boto o candado ao bloguiño hoxe mesmo.

Nada máis por hoxe, seguiremos informando… Iso creo… (mais nunca na liña que expresa este vídeo)

http://www.youtube.com/watch?v=qjV3NmbpGNo

Ola mundo!

Hoxe comeza, aínda con pasos incertos, este blog. Faino coa típica proba informática, o “ola mundo!“, como non podía ser doutro xeito. Vai ser un blog sen pretensión ningunha, só ser un “diario, pero sen candado”, das cousas que me fan gracia, me interesan, ou queira comunicar. Para iso está internete, non? Non vai ter nin ritmo de actualización, nin data de caducidade, nin esixencias mínimas (agás o respecto e un pouco de sentidiño común), o que teña que ser, será.

Xa falaremos…

Un saúdo!